Tuesday 19 de March de 2024

O alumnado de 2º de primaria do CEIP Fogar protagonizou na casa do concello unha multitudinaria e animada sesión plenaria


Hoxe recibimos a visita do alumnado de 2º de primaria do CEIP Fogar, que acudiu á casa do concello coa súa propia corporación municipal. Tras o proceso electoral celebrado no cole, a alcaldesa Marta e as súas concelleiras ocuparon a zona presidencial do salón de plenos e compartiron responsabilidades de goberno con Evencio Ferrero e Luis Lamas durante unha sesión moi animada e participativa.

Marta agradeceu a axuda dos seus compañeiros e compañeiras de candidatura para preparar a campaña que lle permitiu gañar as eleccións, e o alcalde aproveitou para pedirlle consello de cara aos vindeiros comicios municipais.
A rapazada de 2º está empezando a coñecer a administración municipal nas aulas e tamén na propia casa consistorial, onde, ademais do interrogatorio de rigor ao alcalde sobre cuestións de todo tipo, realizaron unha pequena excursión polas instalacións municipais que incluíu a Oficina Técnica, o servizo de informática, a Policía Local e a Policía Nacional.
Os 82 nenos e nenas marcharon coa materia ben aprendida e cun agasallo colgado no lombo: unha mochila co skyline de Carballo que contiña un libro dos Bolechas. Agardamos que vos gustase a experiencia. Grazas por vir!